Somos Paisaxe | Aprendendo a mirar paisaxes
 

Aprendendo a mirar paisaxes

16 Oct Aprendendo a mirar paisaxes

Un artigo de Pedro García Vidal en La Voz de Galicia


Contemplo de vagar estas aldeas rianxeiras. Remontando o val, no linde entre o monte e as terras de cultivo, representan o froito dunha longa e teimuda loita do ser humano e a natureza que nos regala esta paisaxe. Toda esa paciencia que tivo o tempo e a paisaxe para ir facéndose coa finalidade de perdurar, aparece ante a nosa mirada. A totalidade do contemplado foi debuxado, en efecto, por ese lapis do tempo que alcanza ser a auga mesma e a man humana transformadora do escenario natural. A mirada atenta a este reducido microcosmos móstrame unha porción fundamental do que tamén somos, pois nestes lugares aínda pode enxergarse a esencia da nosa cultura e das nosas tradicións. 

A mirada, antes de ser palabra, acaricia a paisaxe. A vista é o sentido por excelencia co que un se aproxima ao coñecemento do mundo. É a mirada interesada de quen contempla quen saca do anonimato anacos de territorio para convertelos en paisaxe. A paisaxe é, polo tanto, unha construción da vista e, sobre todo da mirada, porque é a cultura a que nos permite apreciar certos feitos e procesos froito da milenaria relación dos seres humanos co seu medio. Por iso dicimos que a paisaxe é unha construción cultural. Agora ben, se a paisaxe depende da mirada, podemos afirmar que existen tantas paisaxes posibles como miradas se dirixen cara á contorna. 

Cada persoa percibe a paisaxe dun xeito diferente en función das súas experiencias, coñecementos ou intereses, e así falamos de paisaxes fermosas ou paisaxes que nos conmoven, e outras cualificámolas como faltas de atractivo. A paisaxe que o individuo ve é, polo tanto, unha paisaxe particular. 

Arquivo da memoria 

O arquivo que garda a nosa memoria paisaxista está constituído pola suma das cousas ás que decidimos estar atentos. O que non vemos non existe. Serán para nós as paisaxes invisibles. Descifralas require de claves que as fagan saír desa invisibilidade. Deste xeito, a cultura vai contribuír na atribución de significados a unha paisaxe e aumentar o grao de satisfacción ao contemplala. 

A paisaxe contémplase, debúxase, fotográfase, descríbese e pode chegar a interpretarse e comprenderse. Contemplar unha paisaxe correctamente precisa de concentración e calma, de aí que sexa preciso deterse na mirada como se fai diante dun cadro. 

Mirar é un acto, pero non un acto inocente. Mirar supón unha actividade ben activa. Se queremos pasar da simple contemplación da paisaxe á súa interpretación necesitamos establecer outras estratexias. Mirar para ver obriga a descifrar a linguaxe co que se expresa a terra. Precisamos interpretar a lingua secreta na que se expresa a natureza: comprender a paisaxe que vemos, internarnos na súa esencia, descifrar a súa linguaxe, coñecela por dentro para valorar a súa riqueza e conservar a súa identidade. 

Aínda recoñecendo que a mirar ensínase e apréndese e que a aprendizaxe da mirada é complexa, porén podemos aprender a mirar unicamente vendo e observando de vagar. As xeografías próximas están cheas de territorios agardando ser mirados. Saiamos a descubrilos, acudamos á escola da contemplación a aprender a mirar paisaxes.

Estas aldeas representan o froito dunha longa loita do ser humano e a natureza

Aportacións

Aportacións

Tags:
,


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas e mellor experiencia de uso e navegación. Se continúas a navegar das o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, fai click no enlace para máis información. ACEPTAR