Somos Paisaxe | PAGUS: Santiago de Compostela
 

PAGUS: Santiago de Compostela

01 Jul PAGUS: Santiago de Compostela

Texto de Ángel Panero Pardo, Arquitecto do Consorcio da cidade de Santiago de Compostela na PAGUS do Proxecto Terra.

Santiago de Compostela está situada nun ondulado territorio con evidencias de asentamento humano dende a máis remota antigüidade. A súa localización xa está vinculada en época romana co cruzamento de camiños entre as vías que enlazaban Braga (BRACARA), Padrón (IRIA), Betanzos (BRIGANTIUM), Ourense (AURIENSE) e Lugo (LUCUS AUGUSTA).

O mítico descubrimento no Libredón do sepulcro do Apóstolo Santiago a principios do s. IX, nun outeiro divisorio das concas dos ríos Sar e Sarela, deu orixe á cidade, vinculada dende o principio coa Peregrinación, nunha exitosa estratexia de cristianización e control territorial.

Dende entón, e ao redor da Catedral, Santiago creceu sendo destino de peregrinación do Occidente europeo na fisterra atlántica.

A 260 metros sobre o nivel do mar, ten un clima oceánico húmido con temperaturas suaves. A humidade relativa media anual pode acabar o 80% e é un dos lugares de Galicia no que se rexistran máis días de chuvia ao ano.

A cidade encóntrase xeograficamente centrada no seu termo municipal. Aproximadamente o 12% da súa poboación vive no ámbito das 169,9 ha da cidade histórica, o 63% no espazo urbano que a rodea, e o 25% restante en pequenas aldeas e parroquias rurais diseminadas nas 21.970 ha de superficie dun territorio municipal no que o 26,5% da superficie son bosques e o 54,8% do chan está dedicado a actividades agrícolas.

Entre o ano 1981, no que a cidade asumiu a capitalidade, e 2014, a poboación de Santiago de Compostela creceu un 16%, mentres que a de Galicia descendeu en algo máis dun 1%. Nese período, o conxunto da área metropolitana de Santiago tivo uns extraordinarios crecementos relativos nos concellos limítrofes de Ames, Teo, Oroso e Brión entre outros.

Coa chegada da democracia, en 1983 o goberno municipal impulsou un novo proxecto de cidade no que a posta en valor do patrimonio arquitectónico e natural é o obxectivo esencial que condiciona o modelo de ordenación para toda a cidade. Grazas a ese proxecto urbano, a cidade histórica, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1985, segue hoxe gobernando a estrutura da cidade completa. Os seus 2.900 edificios seguen en permanente evolución sobre un parceiro medieval claramente recoñecible. A cidade segue a transformarse polo torrente de coñecemento e cultura que en cada época foi e segue chegando polos Camiños de Santiago, tamén declarados Patrimonio da Humanidade.

Na forma da cidade histórica recoñécense as pegadas que o crecemento e as fortificacións foron deixando na súa améndoa central. Os baleiros urbanos asociados aos rueiros e ás ribeiras dos ríos Sar e Sarela, son hoxe imprescindibles para comprender a estrutura urbana, o equilibrio ecolóxico, e o metabolismo da cidade, e a súa oportunidade de desenvolvemento en harmonía co medio ambiente e o territorio.

Aportacións

Aportacións



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas e mellor experiencia de uso e navegación. Se continúas a navegar das o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, fai click no enlace para máis información. ACEPTAR