Somos Paisaxe | PAGUS: O Ribeiro
 

PAGUS: O Ribeiro

11 Jul PAGUS: O Ribeiro

Texto de Xosé Carballido Presas, Enxeñeiro Técnico Agrícola e Master en Viticultura e Enoloxía na PAGUS do Proxecto Terra.

O Ribeiro é unha bisbarra situada nas ribeiras do Miño e os seus afluentes Avia e Arnoia.

A súa historia está ligada ao cultivo da vide. A diferenza doutras comarcas onde a agricultura era para autosuficiencia e para obter algúns ingresos pola venda de excedentes, as comarcas vitivinícolas dedicaban a práctica totalidade da súa produción á comercialización. Pero esta dependencia do comercio exterior tamén ocasionou crises cíclicas ao longo do tempo.

Os lexionarios romanos do s. III establecerían as primeiras plantacións de viñedo, nas ladeiras dos ríos polo seu microclima e pola facilidade do transporte fluvial. Pero a época esplendorosa dáse no s. X, cando os monxes cistercenses crean o Mosteiro de San Clodio, que sería o xermolo principal do desenvolvemento vitivinícola do Ribeiro. Os montes ordenan o territorio: hortas nas zonas baixas; viñedos a media ladeira; cereais e gando máis arriba e montes comunais nos cumios. Ceden terras aos labregos a cambio dunha parte da colleita. O viño era de gran calidade e xa Afonso X O Sabio fala nas súas cantigas do ”bon vinho d’ourens”.

A expansión do cultivo e a riqueza está ligada a épocas de crecemento demográfico, pola necesidade de man de obra. As pestes e guerras reducían a poboación polas mortes e as levas de mozos para o exército, coas conseguintes crises. As patoloxías da viña ocasionaron outra terrible crise: en 1850 aparece o Oidium, pouco máis tarde o Mildium e a finais do s. XIX a praga da Filoxera que estragou os viñedos, provocando o gran éxodo migratorio de poboación cara a América.

Recupéranse os viñedos enxertando as viníferas europeas sobre patróns americanos ou utilizando híbridos resistentes á filoxera. Pola gran demanda de viño, a uva Palomino (branca) ou Alicante (tinta) substitúen as castes tradicionais, en detrimento da calidade.

A Guerra Civil e a Segunda Guerra Mundial ocasionaron outro duro golpe ao sector, que reacciona buscando fórmulas asociativas. En 1953 inaugúrase a primeira adega cooperativa do Ribeiro. No camiño da calidade, a finais do s. XX reaparecen as variedades brancas clásicas (Treixadura, Torrontés, Loureira, Albariño, etc.) e as tintas (Brancellao, Mencía, Caiño, Sousón, etc.) mediante substitución do viñedo existente, xa que a UE non permite novas plantacións nin o uso de híbridos, para evitar excedentes.

Na actualidade, o crecente abandono pola división hereditaria dos terreos tenta corrixirse mediante concentración parcelaria, cooperativas de cultivos en común ou plantacións en terreos de monte.

No Ribeiro, o concepto “calidade” xa non é suficiente, e hoxe comézase a pensar en “personalidade, singularidade, etc.”, valores inexpropiables e non deslocalizables.

Aportacións

Aportacións

Tags:
, ,


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas e mellor experiencia de uso e navegación. Se continúas a navegar das o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, fai click no enlace para máis información. ACEPTAR