Somos Paisaxe | Comprender
 

Comprender

A carácter sistémica da paisaxe, as súas dinámicas e procesos

Na actualidade a paisaxe ten cada vez máis importancia nas análises territoriais. No Convenio Europeo da Paisaxe a súa definición descansa na percepción que teñen os habitantes del dado que é certo que unha paisaxe é un espazo que é percibido e, consecuentemente, a variedade da percepción é sempre grande e varía dun espectador a outro. Neste senso poderiamos dicir que a percepción é algo dinámico dado que non todos os observadores perciben o mesmo. Dende a óptica de que cadaquén pode ter unha visión diferente, poderíamos dicir que existe un dinamismo perceptual. Sen embargo a paisaxe non é so percepción é algo máis: é o resultado sempre inestable dunha dinámica na que interveñen elementos bióticos, abióticos e antrópicos. Po iso, si ben é importante o perceptivo na comprensión das paisaxes, parece convinte ir máis aló e entrar tamén na súa dialéctica concreta froito dunha morea de elementos, factores e procesos ao longo do tempo.

Da dominancia duns ou doutros xorde unha ou outra tipoloxía de paisaxe.

Si os que dominan son elementos bióticos, por exemplo árboree, aparece diante dos ollos do observador unha paisaxe ben diferente da que ten diante si dominan os abióticos, por via de exemplo, un macizo rochoso. E as paisaxes son distintas se os dominantes son elementos antrópicos. Simplificando, podese decir que en función do seu grao de presencia poden aparecer no territorio paisaxes urbanas ou rurais. Nas primeiras os dominantes son os elementos artificiais, mentres que nas segundas mestranse os artificiais cos bióticos e antrópicos.

A paisaxe pois non convén vela únicamente como algo estático senón dinámico, froito dun xogo dialéctico ao longo dos tempos. Por iso, os posibles escenarios perceptuais, non so mudan ao longo dos anos; incluso fano ao das estacións ou dos días. Ante iso parece importante ter este feito presente á hora de planificar a paisaxe ou de integrar novos elementos nas nelas.

Asomarse a paisaxe como obxecto de coñecemento, amosanos unha naturaleza dual que se move entre medible e o intanxible

Estabilidade e inestabilidade

A razón de que as paisaxes se poidan transformar ao longo do tempo en función de factores diferentes, caso de causas naturais, realmente excepcionais, ou antrópicas, moito máis frecuentes, motiva que poidan estar dominadas pola estabilidade ou pola inestabilidade. No primeiro caso estarían aquelas que a penas mudan ao longo dos anos, é o caso, por vía de exemplo, das situadas nas serras de Galicia; no segundo, aquelas que se transforman con grande rapidez, caso das situadas en moitos lugares dos contornos urbanos ou agrarios da costa ou do interior. Non se debe esquecer que a transformación dun territorio non está so no aumento do tamaño das edificacións ou na presenza de naves industrias, por vía de exemplo, tamén está nos cambios que se produciron por mor da concentración parcelaria ou coa construción de novas edificacións gandeiras.

Dito o anterior, a propia estabilidade da paisaxe leva cara a súa inestabilidade. Ou sexa que, o abandono dos campos de cultivo se ben motiva unha estabilidade, esta é relativa porque o propio avance do mato e, con posterioridade, do bosque, trae consigo importantes modificacións espaciais e, consecuentemente, perceptivas. Este feito fai que si ben a estabilidade existe é relativa e as paisaxes vanse transformando coa perda da biodiversidade ou si se quer da multiplicidade de elementos. Alí onde había campos de centeo, hortas, prados e bosque, hai agora na súa meirande parte, bosque caducifolio.

Cada paisaxe, pola súa propia xénese, ten unha dinámica diferente. Así en Galicia existen paisaxes que aparecen marcadas pola evolución natural dos seus elementos: bosques, campos de cultivo, augas… e os propios asentamentos que máis que mudar van esmorecendo co paso dos anos. Pola contra aparecen outras en continua evolución, que mudan de a ano en ano en relación a novas construcións, vías de comunicación, obras públicas etc. As primeiras, como xa se dixo antes, aparecen no interior de Galicia; as segundas dun xeito especial na costa e no contorno das cidades, tanto da costa como no interior.

Dinámica, tempo e ritmo

Non está de máis ter presente que as paisaxes non so presentan dinámicas distintas senón ritmos diferentes. Moi especialmente na Galicia rural a parte das propias transformación antrópicas, de diferente grao segundo as comarcas, están as que xorden da natureza, marcada polo paso das estacións.

Os tempos, ritmos e dinámicas das paisaxes fan difícil caracterizalas e diferencialas. O problema pódese enfrontar, alo menos, de dúas maneiras: facelo en relación o seu dinamismo ou en función dos elementos que as compoñen plasmados en formas, cores, liñas ou volumes. No primeiro caso poderíase seguir a metodoloxía proposta por Jean Tricart quen diferenciaba as paisaxes como estables, inestables e integradas; no segundo a de Smardon, quen baseaba a caracterización das paisaxes en cores, texturas, liñas, volumes…

O visual

Parece necesario, sen embargo, combinar en certa medida as dúas visións, sen caer no eclecticismo.   Por unha banda caracterizar as paisaxes tendo presente os elementos que a constitúen e que se manifestan dun xeito visual. Así o rochedo condiciona a forma da paisaxe mais tamén a textura, dado que non é igual unha paisaxe na que dominan os granitos que aquelas nas que os elementos pétreos que a constitúen son as calizas ou os xistos, por vía de exemplo.

Elementos dominantes

Ni son iguais as paisaxes nas que os elementos dominantes son os bióticos daquelas nas que o son os antrópicos e, afondando aínda mais, non é igual unha paisaxe na que dominan os soutos de castiñeiros ou os bosques de reboleira daquelas nas que o dominante é o mato ou as plantacións de eucaliptos. E, no caso dos elementos antrópicos, non son iguais aquelas paisaxes nas que o elemento fundamental é o viñedo daquela outra na que o son os prados e, seguindo coa análises, non son semellantes unhas paisaxes nas que as vides están a ras de chan, caso de Verín, daquelas nas que aparecen en parras, como acontece no Salnés.

As cores

As cores da paisaxe están, pois, condicionadas pólo uso do chan e mudan ao longo do ano. Por iso canta maior sexa a diversidade de elementos naturais maior será a diversidade de cores. Pénsese nas paisaxes de Ancares,  Courel, o Deza ou a Terra Cha, marcadas pola variabilidade cromática, especialmente no outono, fronte as de localidades como Ourense, Lugo, Vigo ou A Coruña, na que domina a monotonía cromática todo o ano agás en lugares puntuais das cidades.

Texturas e formas

E si o uso marca as cores e as texturas, a topografía do relevo condiciona a forma e a visibilidade. Abas empinadas xeran paisaxes cunha maior visibilidade para o espectador que as chairas nas que as paisaxes son mais difíciles de ollar. Sen embargo a forma condiciona dun xeito especial as paisaxes creando liñas e volumes diferenciados aínda que estas tamén están influenciadas polo uso do chan. Así as estradas, vías de ferrocarril, camiños ou edificios crean multitude de liñas que introducen trazos diferenciadores nas paisaxes.

A dinámica

A dinámica vai estar condicionada polos propios elementos constitutivos das paisaxes que diferenciamos en estruturais e texturais. Entre os primeiros atópanse as rochas, o relevo, as augas e as variables climáticas, caso da temperatura, radiación, humidade, vento…; entre os segundos, as actividades antrópicas, os cultivos, as vías de comunicación, as plantacións arbóreas, etc. Polo normal, os primeiros evolucionan moi lentamente; os segundos mudan con moita mais facilidade. Por iso os primeiros poden servir mellor para a delimitación das paisaxes, especialmente as formas do relevo, mentres que os segundos facilitan a súa caracterización.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas e mellor experiencia de uso e navegación. Se continúas a navegar das o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, fai click no enlace para máis información. ACEPTAR