Estratexia das Paisaxes de Galicia

A Xunta está a desenvolver as medidas integradas na Estratexia da Paisaxe de Galicia, co fin de protexer e preservar os elementos mais significativos e característicos das diferentes paisaxes da nosa Comunidade Autónoma; ordenar a través de accións tendentes a mellorar, restaurar ou rexenerar as paisaxes; e xestionar dende unha perspectiva de uso sostible do territorio mediante iniciativas que guíen as transformacións inducidas polos procesos sociais, económicos e ambientais.

A Estratexia da Paisaxe de Galicia sinala as liñas mestras para o desenvolvemento dos instrumentos propios previstos na Lei da Paisaxe (7/2008, de 7 de xullo).

A Estratexia da Paisaxe desenvolverase a través de tres tipos fundamentais de accións:
1. Os Instrumentos de Protección, Ordenación e Xestión das Paisaxes
2. As Estratexias de Integración Paisaxística
3. A Sensibilización, Formación e Divulgación da paisaxe

O mapa das grandes áreas paisaxísticas

O denominado Mapa das Grandes Areas Paisaxísticas de Galicia constitúe un documento de traballo, a armazón desde a que se comezarán a elaborar os diferentes catálogos e directrices da paisaxe.

O Mapa define unidades paisaxísticas homoxéneas nun territorio da complexidade do galego. A delimitación realizouse a partires da experiencia e a metodoloxía aplicadas no Plan do Litoral, e dun intenso traballo de campo dirixido polo catedrático da USC Augusto Pérez Alberti.

As áreas de paisaxe de Galicia delimitáronse en función de a topografía, que permitiu distinguir con claridade espazos diferenciados como serras, chairas, vales e litoral; o clima, que fixo posible modular diferenzas entre espazos topograficamente semellantes; e o uso do solo, que facilitou unha maior diferenciación tanto en función do tipo do uso como do grao de ocupación.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas e mellor experiencia de uso e navegación. Se continúas a navegar das o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, fai click no enlace para máis información. ACEPTAR