30 Jun PAGUS: A Terra Chá
Texto de Fco. Javier López González, Profesor de Enxeñaría Agroforestal da USC na PAGUS do Proxecto Terra.
A paisaxe da Terra Chá fai clara referencia ao seu nome. Poucas comarcas da nosa Galicia teñen un nome tan acaído, que defina tan ben a súa fisonomía.
Dado o seu carácter de ampla chaira no corazón do país, é unha unidade paisaxística ben definida. Lonxe de converterse nunha imaxe monótona e homoxénea, aparece coma un conxunto de elementos ben dispostos, espallados por un territorio amplamente visible.
O verde dos seus prados, que parece non ter límite pola amplitude da nosa visión, as pequenas aldeas, e tamén as casas diseminadas, grandes, volumétricas, os bosquetes dun verde máis escuro, os cultivos forraxeiros, o mato…, todo convive sobre unha terra que hoxe está claramente especializada cara ao sector gandeiro, preferentemente de aptitude leiteira. A madeira tamén ten o seu peso nas producións da Terra Chá, aínda que en moita menor medida.
Pero non sempre foi así. A paisaxe que hoxe caracteriza esta zona foi, noutro tempo, diferente. Manuel María, poeta chairego por excelencia, dicía nun poema da súa obra Terra Chá, escrita nos anos 1950:
A Terra Chá somentes é:
un povo aquí, outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.
A sensación recollida por este grande escritor galego amosa dalgún xeito a paisaxe previa, tinguida tamén de saudade polo grande amor profesado polo autor á súa terra natal. O monte raso comunal e os labradíos eran a forma de explotación da terra en boa parte da comarca, coas agras e as cortiñas como forma de organización predominante nos cultivos, preferentemente de horta e cereais.
A especialización en torno ao leite, que veu da man da colonización que se fixo nestas terras alá polos anos 1950 e 1960, concretamente nos concellos de Castro de Rei e Cospeito, e da dirixida mellora da produtividade agraria por parte das autoridades da época, que non tiveron en conta a harmonía manifestada durante tantos séculos entre os diferentes usos do territorio que del fixeron os seus poboadores, levaron a esa paisaxe a un cambio radical e a unha suposta homoxeneidade, que como xa se dixo, só o é aparente.
E é só aparente porque unha paisaxe con auga, con pedra, con árbores, con cores vivas, cun interesante patrimonio cultural e natural, como é a paisaxe da Terra Chá, será sempre rica, variada e merecente de toda a nosa admiración e respecto.