01 Oct A Fundación Galicia Sustentable convoca o premio Somos Paisaxe
No marco do programa Somos Paisaxe desenvolvido en colaboración entre o Instituto de Estudos do Territorio, a Fundación Galicia Sustentable convoca a primeira edición do “Premio Somos Paisaxe”.
Este premio quere ser un recoñecemento a iniciativas de índole diversa que teñan feito unha contribución por aproveitar o valor das paisaxes galegas como factor clave para o seu propio desenvolvemento.
A intención é a realización dunha convocatoria anual na que se traslade que a paisaxe é unha cousa cotiá que nos afecta en todos os ámbitos da vida. Para isto, cada edición establecerá unha categoría de iniciativas marcando a temática de cada edición.
Inciativas sociais na edición 2016
A sensibilización para a implicación da poboación coa paisaxe debe ser unha das liñas fundamentais de acción sobre a paisaxe. Esta convocatoria quere recoñecer as iniciativas de acción social e colaborativa pola protección, xestión e/ou posta en valor da paisaxe en xeral ou dunha determinada paisaxe ou elemento en particular.
Nesta edición búscase recoñecer os seguintes aspectos que serán especialmente considerados polo xurado á hora de realizar as súas valoracións das candidaturas presentadas:
- Impacto social. Valorarase a repercusión e a implicación social que teña acadado a iniciativa. Consideraranse aspectos cuantitativos pero tamén cualitativos tales como a diversidade de axentes implicados.
- Resultados da iniciativa. Considerarase que a iniciativa teña acadado un resultado inequivocamente identificable como efecto da acción.
- Convención Europea da Paisaxe. Serán avaliadas en relación coa capacidade para estimular á cidadanía para establecer unha relación perceptiva do propio territorio, e contribuír ao desenvolvemento dunha conciencia colectiva sobre a responsabilidade nos procesos evolutivos da paisaxe e os seus valores, tal e como está previsto no artigo 6 da Convención Europea da Paisaxe.