Somos Paisaxe | Feísmos I. Imbéciles e escuros.
 

Feísmos I. Imbéciles e escuros.

13 Nov Feísmos I. Imbéciles e escuros.

Un artigo de Iago Valverde en Arquitectura de Galicia


O pasado día 9 de setembro deuse a coñecer a vivenda galardoada do Premio Juana de Vega de arquitectura 2014: Casa Escribenta do arquitecto Emilio Rodríguez Blanco. A vivenda está situada próxima á aldea de Arderís, pertencente ao municipio de Oroso. A materialidade da obra, en palabras do propio autor está composta polos “materiales que construyen la casa son los mismos que han construido la arquitectura popular del rural, los galpones, las naves, los cerramientos de las fincas. Fungibles, de texturas profundas, cambiantes con el tiempo, con la edad esperando el musgo que los colonice, el liquen, el sol que los abrase o la lluvia que los ennegrezca”. Usou un bloque de formigón sen revestir, cubertas inclinadas de chapa metálica e varandas de malla metálica. E pensará o paisano da aldea de Arderís: ¿Pero non quedaramos en que o bloque de formigón non se podía usar? ¿As cubertas non tiñas que ser de tella? ¿Iso non é FEÍSMO?

EMILIO RODRIGUEZ BLANCO
Santos-Díez | BISimages

Ao paisano supoño que lle causará estupefacción, que logo de estar anos culpándoo por tódolos males da paisaxe, que chegue un arquitecto da Coruña e lle outorguen un premio por facer o que el facía antes, e lle dicían que estaba mal!

Vou tratar de facer un repaso, se son quen de expoñer algunhas ideas, aínda que este tema xa está moi tratado.

O goberno das palabras que exercen os medios de comunicación é tal, que pode introducir no vocabulario cotiá un neoloxismo con tanta facilidade, que a sociedade progresivamente o asimile como propio, cando é un termo de uso recente. Situaría a popularización desta palabra a finais da era Fraga Iribarne. O impulsor foi o xornal conservador La Voz de Galicia fundamentalmente. Conta tamén cunha entrada propia na Wikipedia en español, Feísmo (arquitectura gallega). No que da unha definición detallada do fenómeno, moi sintomático é que use “topónimos” como: Sanjenjo, Arteijo e La Coruña na mesma entrada. Así gradualmente a palabra “feísmo” emprégase como definición para cousas de natureza moi diferentes.

Profesionais dende diferentes campos trataron de analizalo, dentro do primeiro Foro do Feísmo, no ano 2004. Como mostra editouse a publicación Feísmo? Destruír un País. E na internet podedes ver os vídeos pertencentes ao segundo foro celebrado no 2007 como xa recordamos fai uns días. Pódese ver que no foro invitáronse a persoas non só galegas, dando conta que non é exclusivo do noso país. Se non que abrangue tamén ao norte de Portugal, ao que nos une moitos vínculos culturais, históricos e antropolóxicos. Compre entender que non é un fenómeno exclusivo, se non que responde a unha cultura compartida cos pobos que tiveron unhas condicións semellantes as nosas.

Dentro da edición dixital do xornal de Santiago Rey hai un álbum de fotos chamado “Chapuzas gallegas” onde recolle imaxes chistosas de esa manera de hacer tan propia de los gallegos…  iso é unha imbecilidade! Como mostra, na TV3 de Catalunya hai un programa que tamén, en ton de broma, mostra as “chapuzas” nas súas cidades, vilas e aldeas. Hai chapuzas en tódolos países. A gran diferenza é, que na TV3 móstrano como algo global, fan mofa do mal feito, ensinan partes da cidade chapuceiras, barrios, vilas, estradas e urbanizacións chapuceiras, onde se percibe que é algo independente do lugar. A chapuza está na forma de mal-facer. Na Voz de Galicia ten un contido perverso. E esas imaxes de La Voz son o que popularmente se entende por “feísmo”.

As imaxes das “Chapuzas gallegas” mostran na súa maioría lugares rurais ou de pequenas vilas. Non hai chapuzas no centro da Coruña ou de Vigo? O perverso é que non se está a rir das chapuzas, do feito en si, xa que só mostra unha parte. Para o xornal as chapuzas son só risibles cando se produce no rural. Esas imaxes son a mirada de superioridade moral do que se cree libre de ser xulgado. Así constrúe unha imaxe do rural como espazo pintoresco para o divertimento dos turistas. Facendo gala desa prepotencia de urbanita, do que vai ao campo como quen vai ao zoo. Cunha cámara de fotos na man disposto a capturar curiosidades. E trata ao seus habitantes como inferiores ou “bos salvaxes”. Esa é a ideoloxía que subxace na Voz de Galicia, a da burguesía urbana galega. Clase alienada, que habita un sentimento periférico de morriña constante a súa terra prometida: Madrid. Vive dentro da arcaica dicotomía simplista de cidade|rural, centro|periferia, listo|parvo, cidadán|pailán, bo-gusto|mal-gusto e rico|pobre. E aí reside gran parte do fenómeno, o contido clasista. E ben fácil rirse do pobres!

Cando se emborracha un rico,
cando se emborracha un rico:
Que gracioso está o señor-e!
Cando se emborracha un probe,
cando se emborracha un probe:
Todos lle chama borrachón-e!

Como cantaban os Diplomáticos de Montealto, as diferenzas sociais son as que categorizan as accións. Se o fai un pobre é “feísmo”, se o fai un rico, é unha excentricidade. Se fai unha vivenda un pobre como materias baratos é un cutre, se o fai un rico, é austeridade. Encher de formigón unha aldea é un atentado ao patrimonio; na cidade, é progreso. As nosas urbes están moi mal construídas e xestionadas. As maiores destrucións de patrimonio durante a historia producíronse nos espazos urbanos. Froito de tsunamis de ladrillo, as cidades fican deshumanizadas, pero é máis fácil rirse dos “de fóra”, do rural, dos que falan galego e dos que van á leira, dos probes. A Voz, mentres fai mofa do somier-peche e da bañeira-bebedoiro, non denuncias a especulación apupada polos bancos que a financian, nin as malas prácticas da administración que a subvenciona.

Entón, esa casa é feísmo ou non é?

Pois depende. Para o que se entende por popularmente por “feísmo” , vamos definir ao da Voz como “Feismo-Sabón”, non o sería. Ao ter a sinatura dun técnico, dalle autoridade suficiente para non ser desprezado. Será considerado como unha excentricidade, dun urbano que se adapta as costumes dos salvaxes locais. Pero ese mesmo pendello fora feito por un paisano coas súas propias mans, sería crucificado en vida como terrorista da paisaxe. Así de simple.

Tampouco vamos a negar que no noso país hai un conflito, entre o saber artesanal da arquitectura popular e a industrialización dos saberes construtivos. Pero este conflito non se pode circunscribir a un conflito estético. Feo ou bonito. O conflito é ético. Pero iso tratarei de abordalo nun segundo artigo.

O que hai que reclamar é unha nova definición para o termo “feísmo”. Desterrar do noso vocabulario a idea do “Feísmo-Sabón” culpabilizando ao rural de tódolos males. Mentres os urbanos fan e desfán a paisaxe ao seu antollo. Habería que construír unha conciencia colectiva do que é realmente feo, e que nos dana a todos. Un somier-peche para unha leira, non me parece un problema comparado con quilómetros de urbanizacións baleiras como hai en Miño. Sintonizo co que dixo Carlos Pita fai pouco en La Opinión. Os problemas reais do país son os que teñen que ser considerados “feísmo”. Urbanismo redactado para intereses particulares, permisividade a cambio de “mordidas”, sobreprezos  ou especulación. Todas esas cousas que poderíanse englobar dentro da idea de corrupción. Iso é o que considero que é feo e da noxo. O estado de podredume moral que estamos a padecer, é ao que eu lle chamaría “feísmo”.

O significado das palabras non pode quedar en mans dun xornal, nin de ningún medio de comunicación, é unha propiedade colectiva. O idioma e as palabras son un dos nosos bens comúns, non permitamos que os privaticen.

Aportacións

Aportacións



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas e mellor experiencia de uso e navegación. Se continúas a navegar das o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, fai click no enlace para máis información. ACEPTAR