Somos Paisaxe | Chapuzas galegas?
 

Chapuzas galegas?

05 Ene Chapuzas galegas?

Artigo de Consuelo Castro Rey na Revista Kardo


 

Hai certo tempo que seica en Galicia nos decatamos de que nos aqueixa un mal que chaman “feísmo”. Aos do piso no centro, aos da urbanización con piscina, aos da casa de deseño, non nos gusta a fasquía que amosa o noso rural. As casas, os galpóns, os valados, os bebedoiros seméllannos feos, antiestéticos, de mal gusto. Estragan a paisaxe e férennos a sensibilidade de “urbanitas” cultivados cando algunha fin de semana saímos de excursión polo “campo”.

Non somos quen de entendelo. Por que os nosos paisanos teñen tan mal gusto? –laiámonos- Será unha tara, un defecto xenético, un rasgo cultural? Os asturianos e os andaluces non son así …

O problema desacóuganos, dámoslle voltas e reviravoltas, os expertos matinan na procura de explicacións. Mesmo hai un xornal -un que leva o nome de Galicia na cabeceira- que, como contribución ao debate, publica unha sección titulada «chapuzas gallegas» -título abofé despectivo e irrespetuoso-.

Pero, despois de todo, o chamado “feísmo” segue aí, facendo parte da Galicia que temos hoxe. E quizais cumpriría cavilarmos por qué a nosa paisaxe natural, cultural e humana é esta, e non outra.

Falar de “chapuzas gallegas” paréceme ofensivo pero, sobre todo, estúpido e banal. E tampouco me comprace falar de “feísmo” co seu ímplícito matiz de desprezo, aínda que xa semelle inevitable facelo como a maneira –desafortunada, pero consolidada- de nomear unha certa realidade. [Ata tal punto se ten consagrado o termo que na wikipedia hai unha entrada específica para “feísmo na arquitectura galega”].

E teño para min que é estúpido porque amosa, por riba de todo, ignorancia, incomprensión e incapacidade para interpretar o pasado, para entender o presente e, xa que logo, para proxectar o vieiro polo que queremos camiñar cara o futuro.

Como din Cruz Pérez Linarejos e Ignacio Español Echániz no seu lúcido traballo “El paisaje. De la percepción a la gestión”:

“la visión esteticista del paisaje, es decir, aquella que se reduce a considerar el estímulo estético del paisaje sin atender a las causas que sostienen las formas del territorio, puede conducir a una interpretación superficial de sus valores, enmascarando la verdadera riqueza de la conjunción de las dimensiones espacial, temporal y estética. Esta visión puede desvirtuar la verdadera realidad del territorio, condicionando peligrosamente los procesos de divulgación, concienciación y asunción de sus valores (…)”.

Así pois, o que a nosa terra precisa é un acto de comprensión e non un acto de contemplación superficial.

A relación entre territorio e sociedade é incuestionable. Xa que logo, unha ollada reflexiva sobre a paisaxe galega é un camiño axeitado para desentranarmos as claves da nosa realidade e matinarmos sobre ela. A paisaxe -no máis amplo sentido- é un libro que fala de nós, que conta a nosa historia; un espello que reflicte a imaxe debuxada polos procesos políticos, económicos, sociais e culturais que se desenvolveron no pasado e que se están a desenvolver no presente.

A Galicia de hoxe non se pode entender sen o “feísmo”. Sen pretender afondar en cuestións que non son sinxelas e que exceden do marco desta pequena reflexión, cómpre entender que en Galicia hai “feísmo” -entre outras causas, das que certamente non se lles pode botar a culpa aos nosos “chapuceros” paisanos- porque a ignorancia é fea, a miseria da casa dos vellos é fea; a emigración, o abandono, a perda das referencias e a desestruturación de familias e comunidades son feas; e feos son tamén o caciquismo, a usura e a inxustiza que durante séculos touparon calquera anceio de desenvolvemento e prosperidade no noso agro. Así pois, non val botarlle a culpa aos outros. O feísmo é responsabilidade de todos nós, dos labregos, dos que somos fillos e netos deles, e tamén –faltaría máis- das elites sociais, económicas, políticas e culturais coa súa imprescindible contribución a este país.

Mais non hai que se laiar máis da conta. Galicia tamén é moi fermosa, e non só porque goce dunha engaiolante paisaxe natural, senón tamén porque a terra reflicte a beleza dun pobo que é creativo, tolerante, valente e traballador. Para ter unha idea máis xusta de nós mesmos, non deberiamos esquecer que esas construcións que vemos tan “feas” teñen tamén a fermosura dos soños tecidos en longas xeiras de traballo e do xeneroso sacrificio dos que á penas vivían co imprescindible para lles poder mandar os cartos aos que quedaran aquí.

Miremos o “feísmo” sen nos avergoñar, procuremos velo tamén cos ollos dos nosos labregos, escoitemos as historias que nos conta, reflexionemos, e decidamos despois cara onde queremos camiñar e como temos que facelo.

Aportacións

Aportacións

Tags:
,


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas e mellor experiencia de uso e navegación. Se continúas a navegar das o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, fai click no enlace para máis información. ACEPTAR