Somos Paisaxe | O bosque animado e a paisaxe salvaxe
 

O bosque animado e a paisaxe salvaxe

16 Ene O bosque animado e a paisaxe salvaxe

Artigo de Jose María Eguileta no Faro de Vigo


Despois das vacacións que puiden disfrutar estes días, volvo de novo con vostedes. E aproveito para falarlles daquela magnífica novela de Wenceslao Fernández FlórezEl Bosque Animado, despois levada ao cinema baixo a excelente dirección de José Luis Cuerda, hoxe afincado na comarca do Ribeiro.

O escenario que enmarca e lle da sentido á obra é a fraga de Cecebre, non lonxe da Coruña e de onde hoxe está o encoro que subministra a auga á cidade. Nela, baixo o imperio das árbores e dos animais do bosque, viven e ás veces conviven persoaxes variopintos cuxas andanzas aínda nos arrincan un sorriso.

Lembremos a «Fendetestas», alcume de Xan de Malvís, que farto de pasar estreiteces como labrego decide facerse bandido. Tamén Fiz de Cotobelo, a entrañable ánima que non da atopado o seu sitio no máis alá e remata marchando coa Santa Compaña para Cuba.

Ademáis habitan e deambulan pola espesura outros persoeiros, como A Moucha, a meiga oficial. Marica da Fame, a máis pobre do lugar, sempre ao borde da supervivencia e que devece por heredar o oficio da Moucha. Incluso as propias criaturas da fraga, cun constante protagonismo nesta contorna inhóspita e salvaxe que ambas creacións, novela e filme, dulcifican e nos achegan dunha forma tenra e cordial. Pero non vou falar de cinema. Desgraciadamente a miña formación ao respecto ten demasiadas lagoas.

O que me resulta interesante é a fonda carga simbólica que pode tranmitir este bosque animado. A fraga non deixa de ser unha representación do Espazo Salvaxe, que se contrapón á Paisaxe Cultural, xogo de contrarios que materializa a eterna dualidade entre o saltus e o ager. O primeiro é o intrincado, o inhóspito, o non controlado. É o territorio das feras e da matogueira. En contraposición, o ager representa a paisaxe creada e controlada, a paisaxe cultivada, o territorio modelado e aprehendido. Noutras palabras, a Natureza fronte a Cultura.

Permitíndome un breve inciso, pregúntome se a educación e maduración do individuo, ademáis de constituir un proceso de socialización, de entrenamento para formar parte dun colectivo, é ademáis un procedemento de desnaturalización. Explicareime mellor para non crear malentendidos: unha aprendizaxe para evitar que as necesidades biolóxicas afloren de xeito incontrolado. Para iso revestímolas de protocolo ou desprazámolas a ambientes privados. Pensemos que na mesa, o uso da modesta culler crea unha separación entre a boca e o lugar onde repousa o alimento, sexa aquel o prato ou outro elemento da menaxe culinaria. Todo o contrario dos animais, que coa boca recollen directamente a comida. E como non, a significativa diferencia entre o crú e o cociñado, que nos caracteriza como humanos, elevando a gastronomía a unha categoría que supera sobradamente a mera necesidade de nutrirnos.

Máis, para non desviarnos agora, volveremos sobre estes asuntos noutras ocasións e regresamos ao bosque, potente símbolo de natureza e, por tanto, de salvaxismo. Porque o concepto de salvaxe, pese ao seu emprego cotián e habitual (que como o de «vándalo», compre revisar), ten máis que ver con natural que con outras acepcións que o achegan a Ignorancia, incluso a Crueldade.

Dende esta óptica, quizá a contraposición máis doada sexa a de Domesticación. Estamos acostumbrados a pensar en animáis domésticos. Menos en plantas, aínda que tamén o son gran parte das que agora cultivamos. De feito, moitas foron «domesticadas» por procesos de hibridación ao longo da Historia. Pero estamos menos familiarizados coa idea das paisaxes domésticas, que tamén son froito de trasformacións sucesivas encamiñadas a facelas aptas para as necesidades humanas. A paisaxe transformada e creada por excelencia é a cidade, caracterizada pola intensísima artificialidade. Máis existen outras moi familiares pola súa accesibilidade e cercanía e que, ademáis de estar dotadas dunha beleza especial, non deixan de causarnos admiración, precisamente pola inversión de traballo humano. Os socalcos da Ribeira Sacra, as plantacións tradicionais de vides de calquera das nosas catro denominacións de orixe, ou a sucesión de lameiros das serras, debuxan espazos domésticos que xa forman parte no doso Patrimonio Cultural.

Iso nos mostra que a paisaxe cultural e doméstica tamén está no noso rural, non só no dominio do urbano. Especialmente entre algúns habitantes das cidades, comeza a extenderse a identificación do mundo rural, do denominado mundo campesiño, como sinónimo de natural (incluso «ecolóxico»), mentres que a cidade se percibe como o reino do artificial e, se me apuran, do antiecolóxico

Pero Ecoloxía ten que ver, sobre todo, con biodiversidade e riqueza de especies, todo o contrario da domesticación do territorio, froito da expasión das paisaxes campesiñas dende o lonxano Neolítico. Porque o territorio campesiño ou agrario básase na eliminación da biodiversidade para dar paso ás especies cultivadas e preferencia ao gando doméstico. Neste ager, o saltus é unha ameaza. A vexetación natural convírtese en matogueira ou malas herbas, mentres que os animais pasan a ser feras e alimañas. No mellor dos casos, caza.

Antes diso era o mundo dos cazadores, o da «Cultura Naturalizada», a creadora da paisaxe salvaxe das primeiras sociedades prehistóricas. E así foi porque non lles quedaba outra. A economía de caza e rocolección facía da natureza unha despensa que non podían modificar, e menos aínda estragar. Así, a alteración da paisaxe era mínima, formando un espazo aberto, que se contrapón á idea de peche e propiedade propio dos campesiños. Os cazadores, básicamente utilizaban o espazo con poblados e asentamentos móbiles, xa que necesitan desprazarse atrás da caza e dos froitos estacionais, con liñas de movemento que unen cazadoiros, abrevadoiros, acampamentos e zonas de suministro, de xeito semellante ós grandes depredadores, como os lobos. Eran, se mo permiten, «ecoloxistas á forza».

Tales consideracións non pretenden converterse en xuizos de valor (xulgar non é o labor da investigación), se non que intentan explicar a contraposición entre dos mundos opostos, que a súa vez, xeneran sistemas de pensamento diferentes. En todo caso, a situación non é nova.

O universo dos contos está impregnado desta dualidade. O bosque, cunha forte presencia, é o regreso aos inicios, á bioloxía pura, sen influencias da cultura, o que non deixa de constituir unha viaxe iniciática hacia o interior de cada ser humano. Neles aparecen os perigos inherentes ao mundo salvaxe que acechan aos protagonistas, habitualmente infantes e púberes, ata que un iniciado que posúe os secretos dos dous mundos, o civilizado e o salvaxe e simbolizado polas figuras do cazador ou do leñador (os dous son, en certo modo, «deforestadores», de plantas ou de animais), acude en axuda do necesitado para restaurala orde social civilizada.

En todo caso, as paisaxes culturais do rural soen ser amplas zonas deforestadas, que no mellor dos casos conviven con árbores diseminadas. Só as paisaxes específicas de explotación forestal ou espazos protexidos na legislación acollen masas boscosas que forman illas inconexas diseminadas nunha inmensa paisaxe civilizada.

Unicamente un mundo precivilizado, como nos amosa o bosque de Cecebre, é capaz de facer convivir meigas, ánimas, bandidos ou feras, símbolos das simas que se agachan no máis fondo do noso susbconsciente convivindo, como mantiña Claude Lévi-Strauss no Pensamento Salvaxe, coas ordenadas pautas do pensamento civilizado. Máis, en momentos de dificultados, ou cando se relaxan os mecanismos de control, é fácil que incluso nas mentes máis cultas, afloren os «Cecebres» que, desagrazadamente, poden non ser tan entrañables como os da novela. Así parece demostralo a Historia.

Aportacións

Aportacións

Tags:


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas e mellor experiencia de uso e navegación. Se continúas a navegar das o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, fai click no enlace para máis información. ACEPTAR