12 Feb O Consello da Xunta da o visto e prace ao Catálogo das Paisaxes de Galicia
O Consello da Xunta deu onte o seu visto e prace ao seguinte paso na tramitación do Catálogo das paisaxes, que se someterá agora a información pública durante un período de dous meses, antes de proceder á súa aprobación mediante decreto.
O Catálogo é un documento técnico que inclúe a identificación dos tipos de paisaxe; a delimitación das unidades de paisaxe; o inventario dos valores paisaxísticos presentes en cada área; a análise das causas e o estado actual das paisaxes; e a delimitación de áreas de especial interese paisaxístico (AEIP).
Para avanzar na súa elaboración, concedeuse unha grande importancia á participación pública, implicando os cidadáns desde a primeira fase e facendo uso das novas tecnoloxías para incrementar a capacidade da poboación de expresar as súas perspectivas. Realizáronse doce talleres, así como oito obradoiros específicos. A información recollida nestes encontros completouse coa obtida a través da plataforma web. En total, os cidadáns identificaron un total de 2.096 lugares de interese paisaxístico, 407 áreas degradadas e 995 valores paisaxísticos.
A base de que se partiu para estruturar o catálogo foi o Mapa de grandes áreas paisaxísticas, que divide o territorio en 12 grandes áreas e 50 comarcas paisaxísticas.
A partir de aquí, o catálogo delimitou 258 tipos de paisaxes, que resultan da combinación de cinco clases de rexións xeomorfolóxicas (relevo), doce clases de cobertoira do solo, e cinco clase de termotipos (bioclima). Dentro destes 258 tipos, detectáronse 28.350 unidades de paisaxe, que son aquelas áreas cun tipo de paisaxe homoxénea.
Ademais, o documento tamén inclúe outros contidos, como a análise da visibilidade, que determina as zonas de maior exposición visual e das zonas de maior potencial de vistas. Deste xeito, crea un inventario de 444 miradoiros.
Con todo, un dos aspectos máis relevantes do Catálogo é que establece as áreas de especial interese paisaxístico (AEIP), que se definen como aquelas zonas en que concorren diversos e notables valores paisaxísticos.
Para clasificalas, usouse como base un total de 2.827 lugares de especial interese, dos cales 2.096 foron identificados pola poboación e 731 polo equipo técnico. Logo dunha análise, deron como resultado as 207 AEIP seleccionadas, que abarcan máis de 250.000 hectáreas. Cabe destacar que en 171 destas 207 AEIP a poboación identificou algún lugar, e que 66 delas foron sinaladas exclusivamente a partir do proceso de participación pública.
Directrices e atlas
Este documento é a primeira fase dun obxectivo máis ambicioso. De feito, o catálogo servirá de base para a elaboración das Directrices da paisaxe, nas cales xa se está traballando. Ambos os documentos xuntos constituirán o atlas das paisaxes de Galicia, que dará soporte aos diferentes instrumentos de ordenación territorial e urbanística, así como aos estudos de impacto e integración paisaxística e aos informes sectoriais nesta materia.
En definitiva, o Catálogo senta as bases para a xestión da paisaxe, establecendo criterios e metodoloxía. Ademais, cumpre outro obxectivo fundamental, que é a concienciación e sensibilización da sociedade.