07 Mar Catálogo das Paisaxes de Galicia
A Lei 7/2008, de 7 de xullo, de Protección da Paisaxe de Galicia, conforme ás disposicións do CEP, recoñece xuridicamente a paisaxe e establece un marco de referencia para todas as lexislacións sectoriais, plans e programas que poidan influír na paisaxe. No capítulo III desta lei defínense os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe de Galicia. Os primeiros instrumentos mencionados son os catálogos da paisaxe de Galicia, aos que atribúe as funcións de delimitación das grandes áreas paisaxísticas de Galicia e de identificación dos tipos de paisaxes existentes en cada unha delas, así como das súas características diferenciais.
No ano 2011 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas puxo en marcha unha Estratexia da Paisaxe Galega para a posta en valor, protección e recuperación da paisaxe. Esta estratexia establece nunha das súas liñas de actuación a elaboración do Atlas das Paisaxes de Galicia a partir dos Catálogos e Directrices da Paisaxe, definindo como o seu obxectivo principal “identificar e caracterizar os valores e as potencialidades da paisaxe da Galicia cara a súa protección e xestión”. Este Atlas concíbese como referencia para a caracterización e valoración da paisaxe galega, constituíndo, nun primeiro lugar, o Catálogo das Paisaxes de Galicia, que comprende a realización conxunta dos catálogos de todas as grandes áreas paisaxísticas.
O Catálogo das Paisaxes de Galicia é un documento de carácter técnico que aborda a primeira etapa do proceso de planificación da paisaxe, consistente na súa análise e diagnose, e que servirá de base para a posterior elaboración das Directrices de Paisaxe. O conxunto do Catálogo e as Directrices da Paisaxe dará soporte aos diferentes instrumentos de ordenación territorial e urbanística, así como aos Estudos de Impacto e Integración Paisaxística e aos informes sectoriais en materia de paisaxe. Un obxectivo adicional do Catálogo, contemplado na Estratexia Galega da Paisaxe, é a concienciación e sensibilización da sociedade, así como a posta en valor da paisaxe galega, contribuíndo a unha cultura e coñecemento da poboación sobre a paisaxe. Este catálogo pretende sentar as bases para a planificación, xestión e protección da paisaxe de Galicia, establecendo criterios comúns e metodoloxías de análise para futuros traballos, estudos e plans a maior escala vinculados á paisaxe.