Somos Paisaxe | PAGUS: Ría de Viveiro e Celeiro
 

PAGUS: Ría de Viveiro e Celeiro

27 Jun PAGUS: Ría de Viveiro e Celeiro

Texto de Vicente Míguez Salgueiro, Escritor e Mestre nos CEIP de Celeiro e Vicedo na PAGUS do Proxecto Terra

Celeiro é o porto natural da ría de Viveiro, cuxa boca se abre entre Puntas Socastro e Faro. O topónimo Celeiro (do latín CELARE, ‘gardar’) remítenos etimoloxicamente a un lugar que servía de almacén de gran, un hórreo. O fondo da ría, cun calado máximo de 24 m e con sedimentos cuaternarios, constitúe unha unidade de esteiro na que o carácter morfolóxico máis evidente é a ampla extensión de marismas e chairas intermareais, acumulando grandes depósitos areentos. A orixe da ría é de tipo tectónico: o afundimento do bloque central permitiu o asolagamento da rede fluvial antiga e o seu forte encaixamento entre aliñacións montañosas laterais.

A orientación nor-nordés da ría canaliza os ventos arrefriando o morno clima oceánico cunha temperatura media que oscila entre os 12 e 13ºC. Os ventos dominantes son oestes-suroestes en verán, e nordés en inverno. A dársena é un espello da malversación dun ecosistema que era unha fortuna en fauna mariña e recursos económicos. De 1973 a 1993 tranformouse o hábitat ribeirán con recheos e infraestruturas portuarias, convertendo as marismas en asfalto. Os fondos da baía ficaron expoliados de flora e fauna, por mor dos deterxentes e incesantes avarías no emisario da depuradora de augas residuais. En Celeiro predominan, por riba da construción urbanística, os solos de cultivo, prado e monte, cunha exuberancia de eucaliptal. A vila é unha poboación costeira con fondo arraigo da pesca e da salgadura, uns sectores que constitúen o sinal de identidade de Celeiro. O porto é hoxe pioneiro en todo o litoral español e un referente na pesca. A actividade mariñeira abrangue as principais artes (baixura, arrastre, palangre, volanta, grande altura, marisqueo), mariña mercante e conserva, sendo a pescada do pincho o producto estrela da lonxa. As fábricas de salgadura do s. XIX e as 18 conserveiras do s. XX fomentaron o proceso de industrialización, desenvolvido entre 1920 e 1940. Máis dun milleiro de mulleres desempeñaron un rol esencial, pois eran elas quen descargaban o peixe e o transportaban ás factorías; eran pescantinas, redeiras, mariscadoras, obreiras da salga e conserva.

A infausta data 12 de xullo de 1961 marcaría Celeiro a causa dunha galerna na que afundiron tres lanchas cun tráxico ronsel de 30 mortos. O Crédito Social Pesquero e a entrada en 1986 na CEE modernizarían a flota poñendo o porto rumbo ao futuro. Do s. XVI datan os pleitos Viveiro-Celeiro na poxa polo liderado económico da ría: Viveiro vén sendo a cidade administrativa e comercial, e Celeiro, a vila mariñeira.

 

 

Aportacións

Aportacións

Tags:
, ,


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas e mellor experiencia de uso e navegación. Se continúas a navegar das o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, fai click no enlace para máis información. ACEPTAR