Somos Paisaxe | PAGUS: Fragas do Eume
 

PAGUS: Fragas do Eume

28 Jun PAGUS: Fragas do Eume

Texto de Antón Marcal Carracedo, Axente Facultativo Medioambiental nas Fragas do Eume na PAGUS do Proxecto Terra.

A área caracterízase por posuír unha xeoloxía moi variada. Atopamos materiais pertencentes a dous dominios diferentes, destacando os granitoides diversos, depósitos terciarios e recubrimentos cuaternarios. A idade dos mesmos vai desde o Precámbrico, pasando polo Ordovícico e Silúrico, ata o Cuaternario. Asociados a estes materiais xeolóxicos existen xacementos, dos cales o máis importante foi o de lignito das Pontes sometido a explotación ata hai ben pouco. Ademais deste, danse outros que teñen que ver coa mineralización do ferro, filóns de seixo e canteiras de caolín, granito e áridos.

Altitudinalmente, esta área vai desde o nivel do mar ata case os 700 m das estribacións da Serra da Loba.

O clima imperante no territorio é de influencia oceánica, cun réxime pluviométrico regular e temperaturas suaves.

Nas Fragas do Eume xurdiu unha exuberante biodiversidade, froito da variedade microclimática existente, que fai deste espazo un lugar senlleiro en Europa. Alberga 23 especies arbóreas, 21 de felgos, 52 briófitos (o 50% dos existentes no territorio galego), 250 especies de liques e 100 variedades de fungos que sosteñen 126 especies de vertebrados.

Desde o momento en que Felipe II, a finais do s. XVI, deu orde de sacar do Reino de Galicia os mellores carballos para a construción da súa “Armada Invencible”, comezaron as actividades lesivas para estas fragas: introdución do eucalipto por parte da burguesía no S. XIX; repoboacións masivas con piñeiros durante a ditadura franquista; fragmentación do ecosistema coa construción do Encoro do Eume nos anos 1960, provocando a extinción do salmón; contaminación provocada nas primeiras décadas da central eléctrica das Pontes e a explotación do xacemento de lignito; infraestruturas recentes como a autovía transcantábrica; e degradación destes bosques por careceren de axeitada xestión e protección.

O avellentamento poboacional débese á emigración cara a áreas industriais (sector naval e central térmica) e distintas actividades do sector servizos. As actividades agrogandeiras pasaron a ser actividades complementarias atribuídas a un gran volume de poboación feminina.

Cando o sistema de autosuficiencia imperaba, as fragas desempeñaban un papel fundamental para a supervivencia das xentes que aquí moraban. Delas extraíanse as castañas (base do sustento familiar), obtíñanse leña para o fogar, e mesmo supuñan una achega económica a través da fabricación e venda de carbón para as forxas, vilas e cidades. Outra actividade destacada neste senso foi a derivada da explotación da casca de carballo para vender na fábrica de curtidos situada en Pontedeume.

Estas fragas son un lugar único que estamos obrigados a conservar. Froito desta inquedanza ambiental foi declarado en 1997 o “Parque Natural das Fragas do Eume”.

Aportacións

Aportacións



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas e mellor experiencia de uso e navegación. Se continúas a navegar das o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, fai click no enlace para máis información. ACEPTAR