PAGUS: O Deza

04 Jul PAGUS: O Deza

Texto de Francisco Castillo Rodríguez, Xeógrafo e profesor de Educación Secundaria na PAGUS do Proxecto Terra.

O Deza é un territorio ben definido desde o punto de vista natural, histórico e cultural, o que lle outorga un nítido carácter e unha forte personalidade. Terras de longa tradición agropecuaria, localizadas a cabalo entre o val do Ulla e as terras costeiras das Rías Baixas.

Unha unidade encadrada na grande área paisaxística da Galicia central, ben delimitada polas serras do corazón de Galicia. Desde as inmediacións do val do Ulla, esta unidade paisaxística conforma unha superficie achanzada desde os canóns do tramo baixo do río Deza ata superar os 1100 m nos cumes aplanados da Serra do Faro. Na zona central, domina o nivel dos 600 m, chanzo previo ás elevacións máis pronunciadas, asociadas ás Serras Centrais galegas.

Diferéncianse tres tipos de paisaxes:

  • Os baixos vales encaixados tributarios do Ulla -o Arnego e o Deza-, cunha paisaxe arborada e onde atopamos formacións de grande interese natural, xunto a actividades silvícolas e agrarias.
  • As onduladas superficies de aplanamento, irregulares pola acción fluvial, nas que se desenvolven os solos con mellores aptitudes e, por tanto, a maior parte das actividades agropecuarias e os principais asentamentos; con paisaxes de marcado carácter rural.
  • As paisaxes das serras do Farelo, Faro, Testeiro e Candán, espazos nos que o despoboamento e o dominio do mato e do arborado son as súas principais trazas.

A distribución maioritaria de usos e aproveitamentos segue a ser o resultado dun modelo tradicional con fortes vínculos co medio natural, a pesar de que nas últimas décadas introducíronse novos usos -industriais- e modernizáronse os aproveitamentos agrogandeiros. O avellentamento da poboación e estes cambios socioeconómicos recentes deron como resultado un abandono do agro que propiciou procesos de recolonización vexetal, tanto de especies autóctonas como esóxenas (eucaliptos).

Desde 1950 a comarca é testemuña dunha forte transformación nas zonas industriais e urbanas. Creceu a superficie das explotacións forestais de rápido crecemento e cultivos forraxeiros, así como a ocupada por infraestruturas e edificacións. Nas súas paisaxes, as masas de caducifolias autóctonas sitúanse nas proximidades das canles fluviais e nas zonas de maior pendente, ocupando solos profundos orientados ao norte e ao oeste, fundamentalmente bosques de ribeira, carballeiras e soutos. Unha das singularidades desta comarca son os pequenos bosquetes de sobreiras do Arnego.

A distribución xeral dos usos aínda responde, en gran parte, ao modelo tradicional, a pesar dos procesos de concentración parcelaria e das modificacións derivadas da expansión urbana das cabeceiras municipais e do desenvolvemento industrial. Os núcleos urbanos, especialmente Lalín, condicionan a súa contorna, cunha considerable densidade de vivendas, naves e vías de comunicación.

Aportacións

Aportacións

Tags:
, ,


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas e mellor experiencia de uso e navegación. Se continúas a navegar das o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, fai click no enlace para máis información. ACEPTAR