Somos Paisaxe | PAGUS: O Courel
 

PAGUS: O Courel

06 Jul PAGUS: O Courel

Texto de Ramón Vila Anca, Director do Museo Xeolóxico de Quiroga na PAGUS do Proxecto Terra.

A Serra do Courel é un espazo natural singular que reúne características xeolóxicas, botánicas, da fauna, arqueolóxicas ou etnográficas que se revelan como únicas.

Estruturalmente dominan os vales encaixados labrados polos afluentes do río Sil: Lor, Quiroga, Soldón e Selmo. Estes leitos están separados por espazos interfluviais que superan os 1600 m, como Formigueiros (1654 m), Pía Paxaro (1616 m) e Faro (1615 m).

Boa parte da Serra do Courel pertence ao dominio climático oceánico, cunha marcada inclinación á variante de montaña, como consecuencia da súa altitude, relevo e distancia ao mar. No val do río Sil atópanse estacións de clima submediteráneo e incluso mediterráneo atenuado.

A xeoloxía deste territorio, eminentemente montañoso, conta cunha historia moi longa. Nel atopamos algunha paraxe de relevancia a nivel mundial coma o sinclinal da Serra do Courel (coñecido como pregamento de Campodola-Leixazós).

A Serra do Courel está formada por lousas, cuarcitas, xistos e pedra de gra da Era Primaria. Intercaladas con estes materiais atópanse estreitas bandas calcarias que orixinan covas e outras formacións características deste tipo de terreo. Todos estes materiais proceden de sedimentos mariños, que na Era Primaria se viron comprimidos, pregados e elevados pola colisión das placas continentais dando lugar á Serra do Courel. Durante a Era Terciaria o relevo desta Serra ergueuse acadando cotas que superan os 1600 metros. Hai 2,6 millóns de anos o clima da Terra pasou a ser moito máis frío que na actualidade (fases glaciais). Nesta serra estes cambios no clima quedaron rexistrados na superficie en forma de circos e moreas glaciais.

Os extensos e protexidos vales, a confluencia dos climas mediterráneo e eurosiberiano atlántico e as bandas calcarias favorecen e existencia dunha flora rica e variada. Na Serra do Courel está presente máis do 40% de todas as especies vexetais galegas.

Un basto patrimonio arqueolóxico e etnográfico completan un espazo cheo de contrastes. Asentamentos castrexos, minas romanas, castelos, ferrerías, abellarizas, celeiros, arquitectura tradicional de montaña, etc. dan unha idea dun pasado duro marcado polo enxeño do ser humano para adaptarse a un medio tan áspero coma singular.

Aínda que estas zonas de montaña non parezan lugares propicios para a ocupación humana, o asentamento na Serra do Courel pódese constatar desde a Prehistoria. Na actualidade é un territorio pouco poboado, cunha densidade de poboación moi baixa e cun notable avellentamento da poboación. Estes factores maniféstanse coma o principal atranco para os normal funcionamento, potenciación e desenvolvemento dos enormes recursos endóxenos que existen neste territorio.

Aportacións

Aportacións

Tags:
, ,


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas e mellor experiencia de uso e navegación. Se continúas a navegar das o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, fai click no enlace para máis información. ACEPTAR