Somos Paisaxe | PAGUS: Ría de Arousa
 

PAGUS: Ría de Arousa

07 Jul PAGUS: Ría de Arousa

Texto de Enrique Seoane Prado, Arquitecto e profesor da Universidade da Coruña na PAGUS do Proxecto Terra.

A ría é, xeoloxicamente, o tramo final dun val fluvial asolagado polo mar. Un espazo xeográfico singular, pois do tamaño e características das Rías Baixas non hai outras no mundo.

A de Arousa e a ría máis grande de Galicia, con 238 km2 de auga e 273 km de litoral interior, formado maioritariamente por areais entre cantís rochosos e esteiros nas desembocaduras dos ríos e regatos. As ribeiras, de escasa altura e mar abrigado, facilitan o acceso á auga e favorecen os asentamentos litorais.

Os fondos de escasa profundidade -algúns emerxentes ao ritmo das mareas- e a mestura de augas salobres e doces, propician a pesca e marisqueo.

A paisaxe da ría confórmase pola concavidade dos montes e serras que a rodean, ten a auga como esencia e espazo central, e na boca ao mar, as illas e a península do Grove deféndena dos ventos oceánicos.

Os territorios da ría, morneados pola corrente do Golfo, xa estaban habitados a finais da última glaciación. Tamén había castros, moitos deles marítimos, desde onde se pescaba e mariscaba. Aldeas e asentamentos litorais consolídanse no medievo sobre areais ao abrigo de saíntes rochosos, afianzándose como vilas da sardiña, onde se instalan salgadeiras no s. XVIII, e conserveiras no s. XIX. A construción de estradas e ferrocarril no s. XIX supuxo a transformación destes asentamentos de pescadores, formalizando frontes marítimas e espazos urbanos con novas arquitecturas.

A auga da ría é camiño, espazo de relación e de traballo. É o lugar común das xentes da ribeira que propiciou a identidade dos arousáns. As embarcacións de pasaxe relacionaron xentes desde os peiraos, posibilitaron negocios e disputas, afectos e casamentos. Pola ría chegaron invasións e saqueos. Construíronse defensas, e diques e ramplas para acondicionar os portos, e sinais marítimos para os accesos. Nas augas da ría mariscouse e pescouse desde sempre, e hoxe o cultivo de marisco e os polígonos de bateas ocupan máis da cuarta parte do Mar de Arousa.

O litoral atópase moi ocupado, con asentamentos ribeiráns xa concatenados onde se mestura o urbano recente cos antecedentes rurais e mariñeiros.

Nas terras baixas da contorna da ría viven preto de 200.000 habitantes, coexistindo vivendas, edificios, naves, comercios, polígonos industriais e equipamentos espallados polo territorio, construídos fundamentalmente sobre o parcelario rural preexistente, nun recente e acelerado proceso de diseminación propiciado pola construción e modernización das estradas, e a definitiva implantación de autovías e infraestruturas ferroviarias de alta velocidade.

Aportacións

Aportacións



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas e mellor experiencia de uso e navegación. Se continúas a navegar das o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, fai click no enlace para máis información. ACEPTAR