PAGUS: Ribeira Sacra

08 Jul PAGUS: Ribeira Sacra

Texto de Miguel Pazos Otón, Xeógrafo e profesor da Universidade de Santiago de Compostela na PAGUS do Proxecto Terra.

A Ribeira Sacra é unha das paisaxes máis singulares de Galicia. No seu interior, os ríos Miño e Sil conflúen nos Peares. Augas arriba desa unión, tanto o Miño coma o Sil xeran profundos canóns na rocha, a partir dunha fractura tectónica na que despois actuou a erosión fluvial, constituíndo o que se dá en chamar Ribeira Sacra, que en realidade son dúas Ribeiras Sacras. O contraste entre os planos horizontais dos niveis superiores aos canóns e a verticalidade das escarpadas paredes é unha primeira característica que singulariza este mundo. Tamén existe unha oposición marcada entre as vertentes de sollío, polo xeral vitícolas, e as abas de avesedo, habitualmente cubertas de vexetación arbórea. Así pois, a Ribeira Sacra é unha paisaxe heteroxénea, na que abondan os miradoiros que permiten gozosas e variadas panorámicas e perspectivas.

Tanto as ribeiras do Miño coma do Sil presentan unhas condicións climáticas suaves. Grazas ao seu clima matizado, na Ribeira Sacra hai vexetación e cultivos mediterráneos, por exemplo sobreiras e videiras, respectivamente. Para poder conseguir terra apta para o cultivo, o ser humano foi construíndo ao longo dos séculos os famosos socalcos. É a viticultura heroica, como se adoita dicir hoxe en día. A paisaxe da Ribeira Sacra é froito dunha humanización constante, e malia ser acotío (e erroneamente) considerada unha paisaxe natural, non se pode comprender sen a acción antrópica ao longo do tempo.

Outra característica que singulariza a Ribeira Sacra é o seu abondoso patrimonio. Desde a Idade Media, capelas, igrexas, conventos e mosteiros foron organizando esta paisaxe. De feito, o nome da Ribeira Sacra procede das súas connotacións relixiosas, xa que sempre foi un lugar privilexiado para o estabelecemento monástico.

A un lado e a outro do Sil e do Miño, desde Belesar ata os Peares, e desde os Peares augas do Sil arriba, atopamos unha Galicia netamente rural. O illamento físico, en relación cos principais centros urbanos galegos, e a difícil accesibilidade fixeron que a Ribeira Sacra conserve moitas das esencias que comunmente se asocian a Galicia: paisaxes rurais ben mantidas, boa gastronomía, hospitalidade cara ao visitante, etc. Asemade, a estrutura do poboamento e a distribución das aldeas sufriu unha alteración moito menor que noutros espazos con máis dinamismo económico do país.

En pleno século XXI, a Ribeira Sacra proxecta unha dobre imaxe de viño e turismo de calidade. Dunha banda, a constitución da denominación de orixe vitícola en 1997 deu lugar a unha expansión do número de adegas que embotellan viños excelentes, moi prezados no mercado galego e internacional. Un dos máis reputados é o mencía producido na contorna de Amandi. O turismo, pola súa banda, ten óptimas perspectivas de desenvolvemento grazas á diversidade e calidade dos recursos. Deste xeito, a Ribeira Sacra como destino turístico está vencellada á paisaxe, ao patrimonio histórico, á visita de adegas -con catas de viños- e aos catamaráns do Miño e do Sil, unha das actividades preferidas nas visitas a estas terras.

Aportacións

Aportacións



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas e mellor experiencia de uso e navegación. Se continúas a navegar das o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, fai click no enlace para máis información. ACEPTAR