Somos Paisaxe | PAGUS: Vigo
 

PAGUS: Vigo

12 Jul PAGUS: Vigo

Texto de Xosé M. Souto, Xeógrafo e profesor da Universitat de València na PAGUS do Proxecto Terra.

Cando un chega a Vigo por aire, terra ou mar sinte un arrecendo mariño que asolaga os outros sentidos, sobre todo se temos un día de brétema. A ría de Vigo determina a expansión da cidade. Un crecemento un tanto equivocado por mor das presións dos poderes económicos concretos: primeiro foi a expansión portuaria cara ao Areal e logo o impedimento dun planeamento organizado con ideais, como os de Antonio Palacios.

Estos erros do pasado condicionan o caos do presente. A falta de coidado dos recursos mariños esgotou a sardiña xa na altura do inicio do século XX. A ausencia dunha política agraria para o minifundio incidiu na falta de integración do medio periurbano na expansión inmobiliaria de Vigo.

Pero Vigo é o dinamismo da área metropolitana e da expansión polos mares atlánticos da pesca nos grandes caladoiros. Hai moitos Vigos descoñecidos, os que nos levan ata as terras agrarias do Fragoso, as construcións navais da costa, os parques forestais que orlan a cidade e permiten un parque fluvial xunto ao Lagares.

Moitas veces tense falado de Vigo como federación de aldeas. O que se pode apreciar sobre o o municipio é unha morea de lugares que representan unha estrutura tradicional do hábitat galego, aínda que se agravase a dispersión nos últimos decenios, como sucedeu en toda a área metropolitana. Os cultivos de millo, patacas e legumes mostran que foi a paisaxe tradicional do policultivo de subsistencia, que actualmente ten pouco interese económico e ecolóxico.

Esta dispersión de células do hábitat e incluso de vivendas illadas, antano agropecuarias e hoxe chalés con horta e xardín familiar, é consecuencia dunha estratexia do poboamento recente, pero tamén das posibilidades que ofrece unha terra abondosa en auga, cunha oscilación térmica pouco acusada e con pendentes suaves nas ladeiras dos vales.

A vida de Vigo latexa nos corazóns do microtoponimia: O Calvario, Bichita, O Rocío, As Roteas, O Caramuxo… Nomes con moita historia que se recupera coa axuda das persoas que aínda tiveron tempo de camiñar polas rúas da cidade e polas corredoiras das parroquias que compoñen este lugar que lle chamamos Vigo. E Vigo tamén existe nos símbolos de proxección internacional: nas augas da Ría e na abundancia de augas dos ríos e regatos do Val do Fragoso, nas pedras do castelo do Castro, nas igrexas medievais de Bembrive, Castrelos e Coruxo, no clima de matiz mediterráneo no conxunto oceánico simbolizado na oliveira do escudo da cidade. Signos dun pasado que se dinamiza na área metropolitana e na eurorexión de Galicia co Norte de Portugal.

Aportacións

Aportacións

Tags:
, ,


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas e mellor experiencia de uso e navegación. Se continúas a navegar das o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, fai click no enlace para máis información. ACEPTAR