Somos Paisaxe | PAGUS: A Limia. Lagoa de Antela
 

PAGUS: A Limia. Lagoa de Antela

13 Jul PAGUS: A Limia. Lagoa de Antela

Texto de Valerià Paül Carril, Xeógrafo e profesor da Universidade de Santiago de Compostela na PAGUS do Proxecto Terra.

A Limia é unha das poucas chairas extensas de Galicia. Situada a 600 metros de altura, débese ao afundimento dun bloque de relevo que foi colmatado por sedimentos provenientes da erosión fluvial exercida nos bloques erguidos veciños. A peculiaridade limiá é que esa colmatación non foi completa, pois até finais da década de 1950 existiu nesa chaira unha lagoa duns 40 km2, que de feito non era demasiado fonda (só algunhas pozas tiñan máis de 3 m).

Esa lagoa foi destruída a partir da década de 1950, a maior agresión sufrida por unha paisaxe galega na súa integridade. A idea de facela desaparecer non era nova, pois temos evidencias de que en época romana xa se tentara e constan proxectos escritos de desecación cando menos desde a Ilustración (s. XVIII). Se ben as intencións eran obter máis espazo agrícola e impedir as inundacións estacionais que se producían nas marxes da lagoa, a súa devastación comportou a fin dunha paisaxe diversa e rica, que foi acompañada do esquecemento de tradicións, crenzas e lendas que xiraban ao seu redor. Tamén se deu a perda de hábitats de especies animais e vexetais que vivían nela e unha crecente desertificación.

Tradicionalmente, ao redor da lagoa existía unha orla fértil de prados que se asolagaban durante a época de choivas, polo que mantiñan humidade durante a seca. As aldeas estaban afastadas da lagoa e localizábanse na marxe da depresión, resgardadas da auga. No ámbito das aldeas, existía un parcelario de campos pechados por sebes e muros. Non fica practicamente ningún lugar no que esa paisaxe tradicional se conserve, non só a causa da desgraza da lagoa, senón por mor das concentracións parcelarias que se practicaron durante as décadas posteriores, mesmo aínda no s. XXI.

Dunha paisaxe heteroxénea pasouse a unha paisaxe monótona. Na actualidade a antiga lagoa está maioritariamente dedicada á pataca. Trátase dunha actividade económica especializada que sofre arreo nos anos que os prezos son baixos. Asemade, os monocultivos impiden a rexeneración natural do solo, polo que cómpre adubalos con fertilizantes, e precisan de herbicidas e pesticidas. A achega intensiva de xurros e química supuxo unha contaminación xeral do ecosistema limiao, a cal se trasladou augas abaixo do río Limia, ao encoro das Conchas, onde se veñen observando infestacións estacionais de cianobacterias perigosas para a saúde humana.

As actuacións levadas a partir da década de 1950 comportaron a desaparición da maior parte de evidencias de época romana e medieval que existían na antiga lagoa. Mesmo moitos restos arqueolóxicos foron utilizados como recheos nas pozas que deixan as explotacións areeiras, ou na cimentación dos muros das canles de desaugue que se construíron. No entanto, da época medieval fican tres torres perimetrais á lagoa e intervisibles entre si, que están edificadas en outeiros para controlaren o territorio e conforman un conxunto único en Galicia: A Pena, Sandiás e A Porqueira (unha cuarta, a de Celme, afundiu).

Aportacións

Aportacións



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas e mellor experiencia de uso e navegación. Se continúas a navegar das o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, fai click no enlace para máis información. ACEPTAR