PAGUS: Allariz

14 Jul PAGUS: Allariz

 Texto de Bernardo Varela López, Enxeñeiro de Montes na PAGUS do Proxecto Terra.

A Reserva da Biosfera Área de Allariz (declarada pola UNESCO no 2005), é un territorio de enorme importancia bioxeográfica, xa que é fronteirizo entre as dúas grandes rexións que coexisten na Península Ibérica, a mediterránea e a eurosiberiana.

No concello de Allariz atopamos un factor xeográfico singular que ten marcado o devir do territorio ao longo dos séculos, e segue a ser hoxe motor de desenvolvemento: o Río Arnoia. Entorno a el vertébranse os seus 92 núcleos de poboación dos cales destaca a propia vila de Allariz, pero tamén outros tan singulares como San Salvador dos Penedos e Santa Mariña de Augas Santas e o propio Castro de Armea.

Allariz, que foi Vila e Corte na Baixa Idade Media, obtivo o seu foro no s. XII de mans do rei Afonso VII, chegando a ser un importante centro político e comercial, como o demostra a súa importante xudaría. A presenza xudía deu lugar á lenda de Xan de Arzúa e á Festa do Boi, que se mantén dende 1317.

A súa poboación pasou por momentos de gran pulo, coa construción de casas nobres e o Mosteiro de Santa Clara, na Idade Media, chegando aos 10.000 habitantes na primeira metade do s. XX, relacionados co comercio do liño, e posteriormente coa industria do curtido, da que chegaron a existir 52 fábricas no termo municipal.

Tras isto Allariz, como a maior parte do interior de Galicia amorteceu, vendo marchar os seus fillos camiño da emigración ao longo do s. XX. Cando a poboación xa por pouco superaba os 5.000 habitantes, no 1989, a veciñanza foi quen de poñer en valor o seu patrimonio secular. Empezando polas construcións abandonadas do entorno do Río Arnoia: curtidoiros, muíños, presas. Continuando pola recuperación do seu Casco Histórico, que pasou en moitos casos das silveiras a ser un importante polo de desenvolvemento económico, co seu centro de outlets, locais hostaleiros, e hospedaxes con encanto, espazos de artesanía, etc.

É a aposta decidida por un medio rural que estaba a quedar exánime, poñendo en marcha novas iniciativas como a carne de boi, o Ecoespazo do Rexo, a cervexa artesanal, transformados de castaña, queixo de ovella, rebaños extensivos, etc. Todas elas deron lugar a ilusionantes propostas de futuro, que aproveitan a incontestable contorna natural (sebes, bosque de ribeira e touzas), o seu coidado, e a aposta pola calidade de vida a través dos servizos públicos, o desenvolvemento de actividades etnográficas e culturais, e o dinamismo económico do territorio.

Este conxunto de medidas fixeron remozar a poboación e conqueriron que este concello sexa hoxe un exemplo a seguir, na procura de espazos onde os cidadáns podan desenvolverse dun xeito respectuoso coa súa contorna e con eles mesmos.

Aportacións

Aportacións

Tags:
, ,


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teñas e mellor experiencia de uso e navegación. Se continúas a navegar das o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, fai click no enlace para máis información. ACEPTAR